Tuesday 23 de April de 2024

Proseguen as Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán cunha conferencia e unha función teatral


A Pobra do Caramiñal continúa inmersa na programación da vixésimo terceira edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que se estenderá ao longo de todo o mes de outubro. Así, para esta mesma fin de semana están programadas dúas citas.

José Antonio Ponte Far ofrecerá no venres 15, ás 20.00 horas, a conferencia O pazo na obra literaria de Valle-Inclán, Pardo Bazán e Torrente Ballester. Será no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

E, no sábado 16, ás 20.00 horas, Tatana Teatro encargarase de representar sobre as táboas do Elma a función Ouróboro. O retorno de Luces de Bohemia.

A entrada é de balde e as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal ou dos teléfonos de contacto 981831662 e 681173484. Seguiranse as medidas establecidas por mor da COVID-19.